Acerca

Que é A Colectiva

A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia, retoma a vontade asociativa de anteriores agrupacións de artistas no territorio galego, para dotar dunha forma xurídica e unha voz común a unha rede de produtores e produtoras de cultura que, a unha situación de precariedade bastante extendida no sector, acostuman a engadir unha falta de iniciativa colectiva que @s debilita para facer calquera tipo de reivindicación profesional ou defensa da normalización das boas prácticas no sector.

A Colectiva actuará fundamentalmente na Comunidade Galega, aínda que xa mantén lazos con asociacións a nivel do Estado (UNIÓN) e europeo (IAA).

Quen está na Asociación / Quen pode entrar e como:
A Colectiva conta neste momento con máis dun cento de asociad@s en todo o territorio galego, tod@s eles e elas con experiencia demostrada na produción e exposición pública de traballos no ámbito das artes contemporáneas e con algún vínculo directo coa Comunidade Autónoma Galega (o lugar de nacemento non é o único criterio desta vinculación, podendo valorarse tamén o lugar de formación, de residencia ou os ámbitos de visibilidade nos que se teña amosado o seu traballo).

Nestes momentos arrancamos un procedemento de asociación a través da páxina web da Asociación, admitindo a calquera artista maior de idade (e sen límite na mesma) que poida acreditar a experiencia como tal e a vinculación coa nosa Comunidade.

Cales son os fins da Asociación:
A Colectiva persegue as seguintes fins, reflexados nos seus estatutos:

a) Establecer e dar forma xurídica a unha plataforma colectiva que represente e defenda os intereses compartidos pol@s artistas contemporáne@s vinculados a Galicia (sexan ou non integrantes da Asociación) perante calquera institución, pública ou privada, e en especial perante as Administracións do Estado, a Comunidade Autónoma, Deputacións e Concellos.
b) A promoción da Arte Contemporánea.
c) A colaboración con outras Asociacións e profesionais, especialmente (pero non soamente) nos ámbitos da Arte e a Cultura.
d) A representación, a defensa e a promoción dos intereses económicos, sociais, profesionais e culturais d@s artistas do ámbito contemporáneo.

Que está a facer ou que fará A Colectiva:
No cumprimento dos fins enumerados, A Colectiva organizará e/ou realizará actividades dirixidas tanto as súas persoas asociadas como a outr@s artistas e á sociedade en xeral, segundo as seguintes liñas de actuación básicas:

a) Actividades culturais: exposicións, publicacións impresas e dixitais, congresos, conferencias, seminarios, debates, mesas redondas e/ou, en xeral, actividades conducentes á visibilidade das artes visuais producidas en Galicia e ao debate activo, constante e produtivo sobre as mesmas.

b) Actividades Sociais: aquelas que promovan a solidariedade d@s artistas de arte contemporánea, a súa profesionalización e a valoración social da súa actividade.

c) Actividades de Formación: obradoiros, cursos e formas de traballo abertas, que contribúan tanto á divulgación da arte contemporánea como á formación continua dos seus produtores e das súas produtoras.


ESTATUTOS

ORGANIGRAMA

COLABORA: DEPUTACiÓN DA CORUÑA(https://www.dacoruna.gal/portada/)
Agradecemos á Deputación da Coruña o seu apoio xa que A Colectiva contou con subvencións no programa FO204 para a realización de investimentos culturais; así como subvención no programa FO203 para a realización de actividades culturais.

**COLABORA: DEPUTACiÓN DA CORUÑA**(https://www.dacoruna.gal/portada/)
Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña
As cookies axúdannos a ofrecer os nosos servizos. Ao utilizar os nosos servizos, aceptas o uso de cookies.