PuntoGal e A Colectiva asinan un convenio para facilitar o acceso dos artistas galegos ao dominio .gal
15 / 05 / 2024
A colaboración co dominio engade unha vantaxe máis para os membros da asociación A Colectiva.
Os presidentes da PuntoGal, Manuel González González e da Colectiva, Sergio Díaz Marey, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal A Colectiva comprométese a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal e a promover a utilización do dominio entre os seus asociados e os seus proxectos. Ademais, e grazas a este acordo, as persoas asociadas a A Colectiva poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos.
A sinatura deste convenio abre ademais unha vía de comunicación entre ambas entidades, que se poderá materializar en posteriores colaboracións e actividades comúns no futuro, tendo en conta a variedade de actividades e propostas acollidas tanto pola asociación A Colectiva como por PuntoGal.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.100 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.
Sobre A Colectiva
A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia, é unha asociación de carácter sindical que defende os dereitos das artistas do territorio galego e a promoción da arte contemporánea. Con máis dun cento de persoas asociadas, leva dende 2017 participando e organizando múltiples actos e actividades arredor da actualidade da cultura e arte galega contemporáneas e a situación social, profesional, económica e cultural das profesionais das artes plásticas.
Tendes toda a información ao respecto e como facer uso desta nova colaboración na Lista de Correo.