ASINA CONTRA O PECHE DO MAC
26 / 10 / 2018
A COLECTIVA CONTRA O PECHE DO MAC
A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia, posiciónase públicamente contra o peche do MAC, Museo de Arte Contemporánea da Fundación Naturgy.
O reposicionamento desta empresa enerxética de cara a súa internacionalización xa tivera como feito significativo a desaparición do apelido galego da que fora Fundación Gas Natural Fenosa e antes Unión Fenosa, pero agora amosa consecuencias máis graves: con máis da metade das súas accións en fondos de inversión sen relación coa nosa Comunidade, Naturgy opta por liquidar o seu patrimonio cultural e a poñer fin as súas actividades e inversións neste ámbito.
Tralo duro golpe que supón a nova do inminente peche do MAC, o museo de Arte Contemporánea que a Fundación Naturgy posúe na Coruña, A Colectiva constata que a Arte e a Cultura non interesan ás grandes corporacións, por non ter rendibilidade económica a curto prazo. Non semella interesarlles tampouco o futuro do seu persoal, nin o tecido social, só os beneficios.
A Colectiva ten manifestado o seu total apoio a todas as persoas afectadas, e en especial ao equipo humano do MAC, que desde os inicios da traxectoria desta institución en 1995 como Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa (MACUF) contribuiu a facer da mesma un dos piares fundamentais do tecido cultural contemporáneo galego. Grazas ao labor desta institución e do seu equipo, colexios, asociacións, artistas e unha cantidade inxente de público, puideron aprender e gozar, non só das manifestacións propias da Arte contemporánea de varias xeracións de autor@s galeg@s, senón tamén de grandes figuras internacionais.
Como asociación que tamén forma parte da historia do MAC, onde fixou a súa primeira sede, A Colectiva agradeceu especialmente a Carmen F. Rivera o seu labor en favor d@s artistas, e da creación de comunidade arredor da arte contemporánea galega durante os seus anos á fronte do museo.
As respostas de diversas institucións públicas ante o peche semellan apuntar cara o intento de reter a colección de arte da Fundación na nosa Comunidade. Considerando este un obxectivo importante, dende A Colectiva consideramos vital manter a actividade cultural vinculada a unha das poucas institucións que aínda a sustentaban. Queremos impulsar o debate público sobre un xeito de entender a Arte máis aló do seu valor patrimonial, como unha actividade que precisa o sustento de quen a realiza para seguir viva.
As institucións públicas galegas teñen na súa man a sinatura de importantísmos contratos de subministro enerxético coa compañía Naturgy. Fronte a lóxica do beneficio económico como único criterio, isto pode afianzar unha forte posición negociadora na salvagarda doutros valores, máis próximos á vida das e dos cidadáns.
A Colectiva. Asociación Profesional de Artistas de Galicia
@acolectivagalicia