Rebeca Lar
Rebeca López Villar, Vigo
Vídeo Arte conceptual Pintura EsculturaRebeca Lar (Vigo, 1993), doutora en Belas Artes, é artista e investigadora. Os seus proxectos máis recentes, apoiados polas bolsas de Creación Injuve e Novos Valores, teñen que ver coa memoria histórica na provincia de Pontevedra.
Beneficiaria dunha bolsa predoutoral entre os anos 2017 e 2019, impartiu docencia e levou a cabo diferentes charlas no eido universitario e institucional. Así mesmo, algúns dos seus textos foron publicados en revistas internacionais e participou en congresos e seminarios diversos.
//
Tramas caligráficas e palabras tecidas: o texto é, simultaneamente, material e concepto na miña obra. A orixe latina da palabra texto –’trama’, ‘tecido’– sostén a miña creación artística, que se vale de palabras bordadas, repetidas, definidas, superpostas, riscadas, borradas.
Recuperando o quefacer artístico e activista das pioneiras feministas, pinto bordando e bordo pintando. Bordo con fío, con la, con carbón. Bordo sobre papel e tea con letras dixitais, formo imaxes a partir dunha mestura informática de trama e urda. Creo esculturas brandas con recheos e puntadas bastas, irregulares, desenfadadas. Propoño formas cónicas, siluetas punzantes que, curiosamente, tratan de curar feridas históricas.
O tecer e o fiar, actividades tradicionalmente vinculadas ás mulleres pero tamén ao máxico, sérvenme para achegarme a diferentes conceptos desde o obradoiro, para indagar no meu inventario familiar, para cuestionar estereotipos e para posicionarme.